30/12/13

Termas de Outariz e as Burgas de Canedo, Miño

As Termas de Outariz e as Burgas de Canedo son dous conxuntos de piscinas termais a ceo aberto situadas nunha gran área recreativa axardinada na marxe dereita do río Miño e conectadas coa outra beira por unha pasarela peonil, na que moitos amores pecharon con cadeados eternas promesas de amor. Para somerxerse nunha poza ao or libre, en pleno mes de decembro, xa ten que estar quente e, a verdade, estase moi agusto. O muíño tamén forma parte da paisaxe do lugar.
  

27/12/13

Ponte do Freixo

Ponte do Freixo, foi declarada Monumento Histórico Artístico, sitúase sobre o río Arnoia, sendo unha das poucas construcións romanas que non sufriu modificacións posteriores. Pertence ao concello de Celanova, dende esta vila chégase a esta ponte collendo a carreteira de Ourense, a poucos quilómetros hai que desviarse á esquerda. Está situada nunha das paraxes do río Arnoia máis fermosa.


21/12/13

Aquis Querquennis

En Bande, concello limítrofe con Portugal, sitúanse os restos dun campamento romano, escavados e consolidados, de nome,  Aquis Querquennis, coñecido popularmente como A Cidá, foi un campamento romano situado nos Baños de Bande e ocupado entre o último cuarto do século I e mediados do II.

13/12/13

Lobios, Portela do Homem, Parque Nacional da Peneda-Gerês.

Portela do Homem  é o nome da fronteira que une Galicia e Portugal, situada no límite do Parque Nacional da Peneda-Gerês, na parte Portuguesa e o Parque natural do Xures, na parte galega. Do lado portugués sitúase o concello de Terras de Bouro e do lado galego o de Lobios

Preto deste paso fronteirizo, tanto na parte galega como na portuguesa, sitúanse unha serie de conxuntos de miliarios de época romana.
Nada mais cruzar o paso, primeiros de decembro, derradeiras horas do día, o sol ilumina as follas ocres do outono, un dispendio de cores ocres impresionan a retina.

A fervenza do río Homen e mil regatos máis reflicten cores e sons que aloumiñan os sentidos.
Un resto da calzada romana amósanos a vella relación entre os pobos de Galiza e Portugal.

10/12/13

Nunca Máis convocou manifestacións en toda Galiza para facer fronte á: marea negra que cubriu o noso mar e as nosas praias, grandísima marea negra de mentiras que o petroleiro do Partido Popular verteu naqueles días, ao tópico da resignación do pobo galego, a inxusta sentenza ditada pola Audiencia Provincial, a falta de medios que seguimos a sufrir á hora de enfrontar novas catástrofes marítimas ou a ausencia de competencias para Galiza en materia de seguranza e salvamento marítimo.

30/11/13

Saída a Mesía

Un domingo gris e frío camiñamos por terras de Mesía
A rota ao primeiro dos catro muíños enmarcados na ruta, o da Ribeira.
a rota abandona Visantoña e entra xa na parroquia de Olas. Despois pasamos polo muíño de Queiroa. Movido tamén pola auga do río Traveso, non moi lonxe atópase o emblemático muíño do Batán, situado no fondo dun cavorco coroada polo Castro de Olas. O traxecto avanza parello ao río para chegar ao cuarto muíño do percorrido, o da Cubela. O remate foi na área recreativa da Ponte Carballa, a carón do río Samo.

22/11/13

Castelo de San Carlos en Fisterra, onde se alberga o Museo da Pesca de Fisterra, o guía do museo e Manolo, o poeta Alexandre Nerium, coñecedor do mar, con fondo sentimento mariñeiro, e con dilatada experiencia de pescador e mariñeiro e tamén pola súa calidade poética é mellor guía local po lo tanto este museo é de visita obrigada en Fisterra. No interior pódense ver paneis explicativos, ben elaborados, artes e accesorios de pesca, maquetas de embarcacións e outra serie de accesorios do mundo do mar.

18/11/13

 San Pedro de Trasalba é unha parroquia do concello de Amoeiro, na comarca de Ourense. A súa igrexa foi construída a principios do século XIII, é un exemplo da transición do románico ao gótico. Destaca especialmente a decoración da súa portada con dúas columnas a cada lado e capiteis historiados.
A porta norte, máis pequena e cunha columna a cada lado.
Na parte traseira incrustada na parede unha “Cabeza trofeo castrexa”.
Nesta parroquia está o pazo-museo de Ramón Otero Pedrayo, onde se entrega anualmente o premio Trasalba. É moi agradable un paseo polo seu entorno, onde se poden ver outros pazos e casas con galerías.
O Formigueiro é un lugar da parroquia de Trasalba no que destaca a "Capela do Formigueiro" con relevo prerrománico e un entorno paisaxístico moi fermoso.

16/11/13

Castelo de Altamira

Castelo de Altamira. Dende o que se divisan as terras da Mahía, estivo baixo o dominio da familia dos Moscoso, desde o que dominaban boa parte do norte de Galiza. Con todo, a fortaleza de Altamira foi quedando deshabitada por mor do progresivo traslado da nobreza galega á corte debido á política centralista levada a cabo polo reino de Castela desde os Reis Católicos, até o seu abandono total no século XIX. Hoxe so quedan en pé os seus restos.


08/11/13

Era de nogal o Santo

Os cegos e os seus axudantes sempre relearon, de paso, alixeirábanlle o peto a algún pasmón ou pasmona. O caso é que sempre encantaban á xente nova e vella coas súas historias, sempre mais directas e próximas que as da televisión.

03/11/13

Ponte Maceira

Ponte Maceira, entre os municipios de Ames e Negreira, está o conxunto monumental formado polo poboado primitivo, un antigo muíño, presa, capela, e a gran ponte, construída sobre o Tambre no século XIII, aproveitando os piares de outra romana anterior. Consta de cinco arcos e dous máis pequenos.

29/10/13

Moinos contando un suceso

As feiras sempre foron un lugar de encontro de todo tipo de persoas, con moi distintos pensamentos e formas de vivir, onde os que saíamos da aldea podíamos ver e ouvir o heteroxénea que é a sociedade e nutrir a imaxinación con todo tipo de estímulos, como os que nos transmitían as/os contadores de sucesos, moitas veces cegos, outras veces Moinantes ou Moinos, vaia o meu respecto para esta etnia que enchían as feiras e festas de colorido e alegría con todo tipo de atraccións, para entreter á xente miúda e a non tan miúda.

19/10/13

O Castro da Graña e bolboretas

O Castro da Graña é un sitio arqueolóxico da cultura castrexa localizado no lugar da Graña, na parroquia da Capela, no concello coruñés de Toques. Unha tarde de vagar entre flores e bolboretas, sorrisos e encantamentos da vella meiga do castro.

13/10/13

Cegos cantando na feira, Son Daldea 2013

Os cegos e os seus cantares formaron parte da paisaxe das nosas feiras e romarías, as súas historias e fabulacións sobre feitos reais sempre chamaron a atención, recordo, sendo un neno, quedarme pasmado escoitándoos na feira de Santa Comba aló polos anos 60. Escoitalos de novo contribuíu a reconciliarme coa miña intra historia. 
Estes cegos, coa súa música, deleitáronnos na xornada de Son D'aldea 2013 en Albá, Palas de Rei, Lugo.  
  











08/10/13

Chelo no Mandeo

Chelo é un conxunto de fervenzas no río Mandeo, preto de Betanzos, onde a auga e a imaxinación camiñan xuntas para perderse e resucitar no bico do monte da Espenuca. 

01/10/13

Santuário do Bom Jesus do Monte

O Santuário do Bom Jesus do Monte, tamén coñecido como Santuário do Bom Jesus de Braga, está situado na cidade, concello e distrito de Braga, en Portugal.
Este santuário católico constitúe nun conxunto arquitetónico-paisaxístico integrado por unha igrexa, unha espectacular escalinata onde se desenvolve a Via Sacra do Bom Jesus, unha área verde (Parque do Bom Jesus), alguns hotéis e um funicular (Elevador do Bom Jesus).
Este conxunto merece moito a pena visitalo, subir no funicular e baixar pola escalinata, é unha boa opción.

23/09/13

Pontedeume, paseo nocturno

Pontedeume,  Noite, temperatura moi agradable, a lúa moi alta alimentando a imaxinación, despois de tomar unhas tapas e uns viños, todo moi rico, na parte vella, un paseo cara ao porto. Non queda máis que deixar voar os desexos e a imaxinación...

16/09/13

Son D'aldea

O día 6 e 7 de setembro, celebrouse en Albá, Palas de Rei, "Son D'aldea", un conxunto de actos e representacións teatrais que teñen como finalidade dar a coñecer, valorar e reivindicar a vida da e na aldea. É tamén un encontro para todas as persoas que nacemos neste medio do que nos gabamos. Tamén posibilitou un conxunto de reflexións sobre como seguir resistindo e subsistindo neste espazo natural, cada vez máis necesario para a nosa economía e tamén para as nosas necesidades de desintoxicación urbana.

09/09/13

Guimarães, merece un paseo

Guimarães é unha cidade portuguesa situada no Distrito de Braga, rexión Norte, cunha poboación de 52.182 habitantes.
É unha cidade histórica, cun papel crucial na formación de Portugal, e que conta xa con máis dun milenio desde a súa fundación, altura en que era designada como Vimaranis
Guimarães é unha das máis importantes cidades históricas do país, sendo o seu centro histórico considerado Patrimonio Cultural da Humanidade, tornándoa definitivamente un dos maiores centros turísticos da rexión. As súas rúas, avenidas e monumentos respiran historia e encantan a quen a visita.


04/09/13

Citania de Briteiros

A Citania de Briteiros é un espazo arqueolóxico da Idade do Ferro situado no concello de Guimarães, norte de Portugal. É unha das citanias máis características da Cultura castrexa do noroeste da Península Ibérica. É moi interesante esta visita virtual á Citania.

26/08/13

A Marola, Seixo Branco

Seixo Branco está dentro do espazo natural Costa de Dexo, que ocupa o tramo costeiro comprendido entre o faro de Mera e o porto de Lorbé, dende este punto podemos contemplar as entradas das rías de Ares, Betanzos e A Coruña, no denominado Golfo Ártabro.
É un espazo natural de gran riqueza biolóxica, declarado Monumento Natural no ano 2000 e recoñecido como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais e Lugar de Importancia Comunitaria. Está integrado dentro da Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos.
A perspectiva panorámica na súa proximidade permite contemplar o cabo Prior, a ría de Ares e a cidade da Coruña, coa Torre de Hércules. Tamén se divisa dende el o illote coñecido como A Marola, que inspirou o refrán mariñeiro "Quen pasou A Marola, pasou a mar toda", facendo referencia á bravura do mar nesta zona da costa.

18/08/13

Castiñeiros no Courel

Alí están,os Castiñeiros, coma hai moitos séculos, dando ese froito tan noso e saboroso, esa madeira tan especial, pelexando pola subsistencia, entre un pasado pleno e un futuro incerto. Apostemos pola súa madeira e polo seu froito. Apostemos por nos.

13/08/13

Portas no Courel

Portas vellas no Courel, polas que entraron e saíron tantas veces as ilusións, as ganas. Entrou a xeada o sol e o frío, tamén a soidade, a fame e co tempo, pouco a pouco, todo se foi esvaendo e só quedou o baleiro. Tamén quedou a paisaxe e algúns resistentes e Martiño.

06/08/13

Praia das Catedrais (Praia de Augas Santas)

Esta praia, chamada das Catedrais, está situada na costa norte de Galiza, non lonxe de Ribadeo. Carteis situados na zona condúcenos ata ela. Preto da entrada unha instalación hostaleira rompe a visión natural da zona. No verán acude moita xente a bañarse e a contemplar as formacións rochosas, orixinadas pola erosión.
A area é moi fina e de cor amarela, se a contemplamos a ultima hora do día, cando o sol está a punto de deixarnos polo horizonte. Para acceder temos que baixar por unha escaleira. A praia estendese tanto ao oeste, tramo mais corto, como ao leste, tramo mais longo. A sensación nos pés, pisando esta area tan fina e limpa, é difícil de describir. Unha vez situados ao pé destas ciclópeas formacións un ten a sensación de camiñar entre xigantes pétreos, algúns semellan contrafortes aguantando do imposible, arcadas coma arquivoltas, covas e recunchos onde perderse e se é posible atoparse. Debe visitarse con marea baixa, isto permite contemplar toda a extensión da praia. Na páxina de meteogalicia informan dos horarios das mareas.

29/07/13

Embarcacións en Aguiño

Aguiño é unha poboación dedicada á pesca e ao marisqueo, situada onde o Barbanza se mete no mar. A estrada que nos leva a ela sae da rotonda situada ao final da autovía do Barbanza(G11). Nada mais chegar impresiónanos a retina unha imaxe do porto,  á esquerda, e outra do pobo, situado á dereita.
O porto está aberto; aos mariñeiros, faltaría mais, e tamén a todas as persoas que gustamos de ver e achegarnos aos peiraos, de ver os distintos tipos de barcos e botes, de valorar o traballo de mariñeiras e mariñeiros facendo as súas labores.
Os nomes das embarcacións, moi habitualmente de muller, fálanos das relacións  e dos afectos que se establecen entre o mundo do traballo no mar e os acougos íntimos, persoais.
Estas sensacións de comunidade co mundo mariñeiro producen un grande pracer. Achegarnos a estas vivencias lévanos a valorar a enorme diversidade do pais.

20/07/13

Fenicios en Aguiño, moitos din que pasaron por aquí

Cerca da lonxa de Aguiño, un indicador anuncia a presencia dun porto Fenicio. Chegados ao lugar, recomendable ir a pé pola veira do mar, vemos que unhas ringleiras de pedras enormes foron colocadas a modo de peirao. Fontes históricas aseguran que os fenicios comerciaron por estas zonas moito antes da chegada dos romanos,tamén nos din que o medio de transporte era o barco, logo pode ser que algunha das pedras fora posta por algún ou algunha fenicia. De todas maneiras ben está facer un exercicio de imaxinación e pensar que levamos moito tempo comunicándonos co resto do mundo.

13/07/13

Percebes, tamén, os de Aguiño

Aguiño é unha poboación situada ao final da Serra do Barbanza, onde esta se deita no mar. Está rodeada de pequenos cantís, grandes extensións de rochas, illotes que saen do fondo do mar. A punta da Serra, metida no Océano Atlántico, é continuamente batida polas fortes olas e ,tamén, varrida polas correntes da zona. Estas condicións fan posible que os percebes sexan de excelente calidade.
A entrada na lonxa e a visión das persoas limpando e escollendo o percebe, trae á imaxinación sutís e fondos sabores a mar.
    

03/07/13

Saída á Ribeira Sacra do Miño 2

O día 28 de xuño volvemos ás ribeiras do miño. Entre a Igrexa de San Martiño da Cova, no Saviñao, e a aldea de Belesar. Un percorrido moi fermoso, entre viñas verdes e ameixeiras con froitos tentadores. As vistas do miño e as súas reviravoltas ao lonxe foron unha regalía para os ollos. Atopamos, tamén, un sol e unhas calores moi subidas de luz e temperatura..., sobre todo para os que aturamos nubes e choiva nos últimos tempos polas terras Coruñesas. Costas arriba e costas abaixo, onde gastar a enerxía ate quedar sen forza, tamén hai.

28/06/13

Baldaio, complexo

O complexo natural de Baldaio está composto por unha serie de elementos "bio-diversos" ben diferenciados: unha enorme praia oceánica, perigosa para o baño, pero moi interesante para recorrer a pé, deixándose perder entre o mar e as dunas de area. Esta cadea de dunas ofrece, no seu seo, currunchos onde gozar de intimidade.
Na lagoa interior pódese desfrutar dun baño en auga salgada sen risco de correntes mariñas, agás no canal de entrada. Neste espazo interior poden contemplarse unha gran variedade de aves de paso así como un conxunto de vexetación de marisma e autóctona, do maior interese.
Cámpings e restaurantes completan unhas posibilidades de leceres, moi necesarios.
Preto da lagoa, parroquia de Lema, está a casa onde viviu o que fora famoso humorista: Carlos "O Xestal"

23/06/13

De Oseiro a Caión

Oseiro é unha poboación do concello de Arteixo, rodeada de zona industrial, onde naceu Manuel Murguía. Indo cara o sur-oeste atopamos a ponte romana dos Brozos. Seguindo pola veira do mar, unha senda lévanos ás praias de Barrañán, a primeira delas nudista. Continuando pola costa sorpréndenos a vila de Caión.

 

14/06/13

Camariñas

Camariñas é un lugar situado ao final dun traxecto, non queda de paso nada mais que a unha vivencia especial, ao que se chega porque si, porque un quere descubrir o que hai mais aló, porque un pode atóparse con un mesmo a caron do océano inmenso. O tempo conxelado, as retinas cheas de sorpresas, a vivencia noutro espazo. Cada vez que vou agárdanme novas sorpresas.

08/06/13

Fisterra, porto, lonxa

Antes de chegar ao faro de Fisterra, situado no cabo do mesmo nome, atopamos a poboación de Fisterra, lugar con longa tradición mariñeira e tamén mítica.Ocupado por; celtas, fenicios, romanos e todos os que atoparon estas terras nos seus camiños do mar. A lonxa, onde os mariñeiros venden o peixe que lles custou traballo sacar do mar, amosa unha mostra das múltiples formas de vida submarina. Estas remotas terras son un bo sitio para perderse e desconectar do ruidoso mundo urbano.

04/06/13

Faro de Fisterra, posta de sol

Comeza o espectáculo cunha vista do Monte Pindo, situado cara o leste, dende o que os Deuses ollan o fin do mundo.
O faro de Fisterra alumea este confín do Atlántico dende 1889. Está situado no promontorio que os romanos chamaron territorio Nerio. A posta de sol dende este lugar é un dos espectáculos naturais que mais impresionan. 

 

27/05/13

Tamén Ferrol, porque ...

Ferrol tamén ten, ría interior, paisaxes urbanos e mariños, santuario de Chamorro, modernismo, Ferrol vello, e novo e novísimo, Arsenal, Tupinamba... Atlántico, Doniños, San Xorxe, Santa Comba. Pinos e as grandes flores pequenas. E, sobre todo, a Xente.




18/05/13

San Xiao de Moraime (Muxía)

Un pouco antes de chegar a Muxía, á esquerda, atopamos a igrexa de San Xiao de Moraime. É un edificio románico do século XII, de planta basilical con tres naves e tres ábsides. Merce a pena visitala.

Manifestación Letras Galegas 2013

Diredes destes versos, i é verdade

Diredes destes versos, i é verdade,
que tén estrana insólita armonía,
que neles as ideas brilan pálidas
cal errantes muxicas
que estalan por instantes,
que desaparecen xiña,
que se asomellan á parruma incerta
que voltexa no fondo das curtiñas,
i ó susurro monótono dos pinos
da beiramar bravía.

Rosalía de Castro

Día das Letras Galegas 2013


Roberto Vidal Bolaño

10/05/13

O Sol tamén se pon no Orzán

Mar sonoro

Mar sonoro,

mar sem fundo,

mar sem fim,

A tua beleza aumenta,

quando estamos sós.

E tão fundo, intimamente.

A tua voz revela

o mais secreto bailar dos meus sonhos.

E que momentos há

em que suponho.

Seres um milagre

criado só pra mim…

02/05/13

Camiñata por terras de viño e románico. Cóbados de Belesar

O Miño fixo notar a súa presencia ao longo de toda a camiñata. O primeiro impacto visual foi a presa de Belesar, da que non se ve o edificio dos xeradores dado que están introducidos dentro da montaña, situada ao sur da presa. As igrexas románicas de Santo Estevo de Ribas de Miño e de Diomondi móstrannos, 800 anos despois, a arte e o traballo das persoa que labraron a pedra. As carballeiras e soutos, cubertos de follas novas e verdes, acóllennos no seu seo, coma espazos encantados. Animais a veira do camiño recórdannos que non somos os únicos no universo. As flores das cerdeiras alégrannos a vista. Os romanos, xa vai pra 2000 anos, estiveron aquí antes ca nos. De fondo e presidindo todo o percorrido, as vides da Ribeira Sacra do Miño, das que teremos que probar o seu viño. Algunhas costas no camiño recórdannos que, as veces, os praceres esixen esforzos.

  

27/04/13

Laxe, Faro de Laxe, Traba de Laxe, entorno

Laxe é unha vila situada na entrada sur da ría "Corme e Laxe", en plena Costa da Morte. Pertence a comarca de Bergantiños. Na punta Insua, cerca da vila, sitúase o Faro de Laxe, de torre simple, que avisa aos navegantes das rochas situadas na zona e, tamén, da entrada sur da ría. Dende este enclave podemos ver, ademais do ancho mar, a costa situada ao norte, o Faro do Roncudo, a vila de Corme, algunhas das praias situadas ao fondo da entrada do mar, entre outras paisaxes. Cara ao sur podemos contemplar paraxes como os Penedos de Traba ou albiscar o cabo Vilán.

Tamén merece unha visita a igrexa de Santiago de Traba de Laxe, situada perto da lagoa do mesmo nome, a poucos quilómetros ao sur da vila.
Recomendo o libro, "Os Faros da Costa da Morte", de: Xosé Mª Lema Suárez e Manuel Vilar Álvarez. publicado por NERIA.




22/04/13

Betanzos, un paseo

Un paseo por Betanzos, permite a contemplación dun espazo que nos trae á memoria distintas etapas da nosa historia e os correspondentes estilos arquitectónicos, así como, as distintas realizacións estéticas. Os ríos Mandeo e Mendo ofrecen, tamén, un conxunto de elementos de moito interese: paisaxes, pontes, barcas, paseos, etcétera. 

18/04/13

Camiñata por terras de Montemaior

Montemaior é unha das parroquias do concello da Laracha. Situada no límite sur-leste da comarca de Bergantiños. Parroquia de grande produción agrícola e sobre todo gandeira. O grande número de Capelas fálanos da súa extensión e relixiosidade. A algunhas destas Capelas acoden persoas de de toda a comarca, é o caso da capela de Santa Margarida. Esta parroquia aínda conserva restos de obradoiros, un exemplo destacado son as antigas instalacións do curtidoiro de Cumiáns, que estiveron activas ate mediados os anos 1960. Pazos e restos de torres medievais, tamén, nos falan dun pasado feudal. O nome, Montemaior, indica a situación desta parroquia nunha zona alta, dende a que se poden ver as poboacións de A Laracha e Paiosaco, tamén se pode ver o mar, por encima do val de Baldaio.    

13/04/13

Paseo por ROTHENBURG, Alemaña

Rothenburg, é unha cidade situada ao sur de Alemaña. Estado de Baviera.
A súa configuración é medieval. Mesmo parece que estamos no escenario de algún dos contos infantís Alemáns.



   

08/04/13

Camiñata á beira do río Lor, Castro Dares, Quiroga

Á veira do río Lor e pasada a aldea do Medo, onde os romanos buscaron e apañaron ouro,  acompañados dunha choiva fiel, fomos a "conquista" dos curutos mais altos. As castrexas/os xa os atoparon moito antes ca nos, seguro que lles custaba menos traballo chegar ao bico. Ao final as vistas mereceron a pena. Dende o Castro Dares vimos, tamén, como o Lor remataba o seu percorrido e vertía as augas no río Sil, en Augas Mestas.
As cerdeiras, "zreixeiras(como se di en Bergantiños)", mostráronnos as súas flores brancas. 


 

 

05/04/13

Lago Ammersee, Munic



O lago Ammer (en alemán, Ammersee) é un lago na Alta Baviera, Alemaña, situado ao suroeste de Múnic entre as cidades de Herrsching e Dießen am Ammersee. Cunha superficie de aproximadamente 47 km2, é o sexto lago por tamaño de Alemaña. Atópase a unha altitude de 520 msnm e ten unha profundidade máxima de 81 metros. Como outros lagos bávaros, o lago Ammer desenvolveuse como consecuencia do desxeo dos glaciares da Idade de Xeo. O lago Ammer está alimentado polo río Ammer que flúe como Amper fose do lago.
O lago Ammer e o río Amper forman parte da antiga ruta do comercio do ámbar que levaba ao paso do Brennero.
A palabra Ammer é unha forma do século XIII de Amper, celta *ambra, que deriva do indoeuropeo *ombh-, *mbh- "húmido, auga".





01/04/13

Portugal, Monçao, Melgaço... devagar

Pasando o Miño pola antiga fronteira de Salvaterra, chegamos a Monçao. O primeiro que se ve é a muralla-fortaleza que rodea a cidade vella, e que nos rememora as pretensións Castelas de ocupar o territorio Luso.
Un casco antigo dános a benvida, con calexas, recunchos, vistas ao Miño e a Galiza, do outro lado raia.
Unha boa comida, prezo axustado, e un viño saboroso, Albarinho branco, deixan unha suave pegada nos sentidos. 
A feira, nun lateral da muralla, tradicional, con toques "kitsch", con coles e ceboliño á venda, todo ben combinado.
Unha exposición, galaico-portuguesa, amosa as raíces comúns entre as dúas realidades.
Melgaço, situado a poucos quilómetros río arriba, tamén ten amurallado o seu casco histórico, a lenda sobre a heroína Ines Negra, infórmanos dos motivos. A vila está presidida por unha torre, situada no medio dunha fortaleza. Encanto e beleza son as sorpresas que nos depara un paseo polas praciñas e recunchos vellos, pero, se o facemos moi amodo.
Parte das fotos son de M.M.P.






 

24/03/13

"Arqueixal", un modelo a apoiar


Na parroquia de Albá, concello de Palas de Rei (comarca da Ulloa) sitúase unha explotación agro-gandeira familiar que ten como lemas: O aproveitamento dos recursos propios, a calidade dos produtos que elaboran, a produción con estritos criterios ecolóxicos, a mínima dependencia do exterior, así como unha optimización dos beneficios ao reducir os intermediarios.
Na propia aldea contan, tamén, con instalacións de turismo rural.
A distribución de leite e iogures faise en envases de vidro (retornables ou reutilizables).
As técnicas que utilizan baséanse en coñecementos tradicionais. 




 
   

18/03/13

“Pontevedra é boa Vila”


"Pontevedra é boa vila
da de beber a quen pasa
a fonte da ferrería
San Bartolomeu na Praza"

Un paseo por Pontevedra, un dos nosos días grises e chuviñosos, amósanos un espazo da nosa memoria colectiva; prazas, cruceiros, fontes, pazos, esculturas, igrexas, granito, café, viño, comida, copas. Un espazo para as persoas.

15/03/13

Ares, Montefaro, entrada ría de Ferrol

A vila de Ares, está situada á entrada da Ría de Ares-Betanzos, en pleno Arco Ártabro. Cerca, cara ao norte, atópase o Mosteiro de Santa Catarina, en moi bo estado de conservación. Mais arriba sitúase o bico de Montefaro, onde antigamente situarían fachos para sinalizalo, hoxe atópanse restos de antigas instalacións de baterías de costa, en mal estado de conservación, tamén están situadas antenas reemisoras de telefonía, radio e tv. Este monte flanquea a Ferrol polo sur. Dende este punto temos unhas vistas espectaculares, especialmente da entrada da Ría de Ferrol e dos castelos de A Palma e San Felipe, estes, controlaban o acceso ao interior.   

09/03/13

Salzburgo, música e chocolate

A Cidade de Salzburgo pertence a Austria, está situada ao sur de Alemaña, non moi lonxe de Múnic . Caracterizase polas súas paisaxes e, tamén, polo encanto das súas rúas. Sorprende a presencia da imaxe de Mozart en toda a cidade, especialmente nas caixas de bombóns. A verdade é que merece a pena visitala.

   

02/03/13

Redes, (Ares, A Coruña) Costa Ártabra

A aldea mariñeira de Redes, pertence ao concello de Ares. Está situada preto da estrada que une Cabanas con Ares. Esta aldea representa un dos conxuntos arquitectónicos tradicionais mais bonitos e mellor conservados. Pasear polas súas rúas. Contemplar as paisaxes da ría. Sentir a brisa mariña, mentres tomamos unha cervexa nas terrazas do porto. Mellor experimentalo.

25/02/13

Camiñata por terras de Lousame

Comezamos a camiñata, por terras de Lousame, no mosteiro de Toxos Outos. A auga dos ríos, San Xusto e Vilacoba, danos a benvida e acompáñanos ao longo de case todo o percorrido. Especialmente fermoso pareceume o último tramo do Vilacoba, antes de empezar a conquista do monte Colou. O tramo final, un pouco empinado, puxo a proba a nosa forma física. Claro que con boa compaña e ante as vistas da ría de Muros e Noia, as dificultades fanse mais levadeiras.
Gustaríame que o país fose mellorando os aspectos paisaxísticos, tamén noutros moitos, monocultivo de eucaliptos, mantemento da infraestrutura dos roteiros, non romper a estética do noso medio rural, entre outros.
Quixera, tamén, referirme á necesidade de gozar dos recursos do noso país. Pero non nos podemos esquecer da inxente cantidade de persoas que están sufrindo unha situación económica e social desesperante, e que todas/os estamos no mesmo barco. Sumémonos, logo, co resto das persoas, ás mobilizacións, para que haxa peixe para todo o mundo.


23/02/13

Pantallas de Xinzo da Limia

O mais representativo do entroido de Xinzo da Limia son as “pantallas”. Persoas disfrazadas coa vestimenta propia do entroido desta vila.As pantallas percorren as rúas da vila golpeando as vexigas, facendo soar as campiñas e emitindo un bruído coma o dun animal para meter medo. Teñen prohibido tocar ás persoas. Para que alguén non disfrazado, pague unha ronda de viño, danzan ao seu redor facendo ruído.




As partes que compoñen o disfrace son:

A pantalla; é o nome en se lle da á carauta, esta dálle nome ao conxunto. Faise de cartón, papel, feltro, fariña, auga e pintura. A pantalla faise nunha soa peza, que logo se encaixa na cara e cabeza collendo forma de gorro que remata na parte frontal. Ten cara de diaño, cos cornos incluídos, con cara de sorna. A parte de arriba adórnase con motivos astrais ou animais. Uns flocos fan a función de barba e unha tea, a percalina, colga polos lados.




Vestimenta; A vestimenta da pantalla está composta por:
Camisa e calzón brancos.


Capa vermella ou negra da que colgan cintas de distintas cores.


Vexigas de vaca, secas e inchadas.



Polainas e zapatos negros.


Pano vermello ou azul


Faixa vermella na cintura.


Cinto cheo de campaíñas, que soan cando se moven.


Desfile: O martes de entroido, as pantallas, desfilan polo centro da vila, batendo as vinchas, danzando e facendo ruídos estraños.