Translate

25/02/13

Camiñata por terras de Lousame

Comezamos a camiñata, por terras de Lousame, no mosteiro de Toxos Outos. A auga dos ríos, San Xusto e Vilacoba, danos a benvida e acompáñanos ao longo de case todo o percorrido. Especialmente fermoso pareceume o último tramo do Vilacoba, antes de empezar a conquista do monte Colou. O tramo final, un pouco empinado, puxo a proba a nosa forma física. Claro que con boa compaña e ante as vistas da ría de Muros e Noia, as dificultades fanse mais levadeiras.
Gustaríame que o país fose mellorando os aspectos paisaxísticos, tamén noutros moitos, monocultivo de eucaliptos, mantemento da infraestrutura dos roteiros, non romper a estética do noso medio rural, entre outros.
Quixera, tamén, referirme á necesidade de gozar dos recursos do noso país. Pero non nos podemos esquecer da inxente cantidade de persoas que están sufrindo unha situación económica e social desesperante, e que todas/os estamos no mesmo barco. Sumémonos, logo, co resto das persoas, ás mobilizacións, para que haxa peixe para todo o mundo.


23/02/13

Pantallas de Xinzo da Limia

O mais representativo do entroido de Xinzo da Limia son as “pantallas”. Persoas disfrazadas coa vestimenta propia do entroido desta vila.As pantallas percorren as rúas da vila golpeando as vexigas, facendo soar as campiñas e emitindo un bruído coma o dun animal para meter medo. Teñen prohibido tocar ás persoas. Para que alguén non disfrazado, pague unha ronda de viño, danzan ao seu redor facendo ruído.




As partes que compoñen o disfrace son:

A pantalla; é o nome en se lle da á carauta, esta dálle nome ao conxunto. Faise de cartón, papel, feltro, fariña, auga e pintura. A pantalla faise nunha soa peza, que logo se encaixa na cara e cabeza collendo forma de gorro que remata na parte frontal. Ten cara de diaño, cos cornos incluídos, con cara de sorna. A parte de arriba adórnase con motivos astrais ou animais. Uns flocos fan a función de barba e unha tea, a percalina, colga polos lados.




Vestimenta; A vestimenta da pantalla está composta por:
Camisa e calzón brancos.


Capa vermella ou negra da que colgan cintas de distintas cores.


Vexigas de vaca, secas e inchadas.



Polainas e zapatos negros.


Pano vermello ou azul


Faixa vermella na cintura.


Cinto cheo de campaíñas, que soan cando se moven.


Desfile: O martes de entroido, as pantallas, desfilan polo centro da vila, batendo as vinchas, danzando e facendo ruídos estraños.


17/02/13

Os Milagres de Caión


Cada ano celébrase na localidade de Caión, que pertence ao concello da Laracha, a romaría dos Milagres de Caión. Celebración relixiosa á que acoden moitas persoas crentes, buscando consolos a situacións imposibles, como di o nome. Tamén acoden persoas interesadas por coñecer a realidade sociolóxica e paisaxística do país.
Unha camiñata polos arredores, supón unha regalía para os sentidos: Paisaxe mariño, froitos da terra, illas Sisargas, aldeas dos arredores, animais tomando o sol e un sen fin de pequenas sorpresas.


12/02/13

Entroido en Viana do Bolo


O entroido é a festa máis emblemática do concello de Viana do Bolo. Cualificado como un dos entroidos máis ancestrais de Europa.
Durante os días anteriores ó Domingo Gordo, o Folión de Viana vai tocar a diferentes parroquias do concello, os cales devolven a visita no desfile deste día, na capital do concello.
Cos seus ritmos marcan o paso do desfile, espantando meigas e meigallos e dando a benvida á troula.
O Domingo Gordo, un pouco despois de mediodía, celébrase o desfile de carrozas, folións e comparsas, nun percorrido que vai dende a Praza do Toural ata a Praza Maior baixando pola Rúa San Roque.
O folión constitúeno os veciños de cada parroquia, persoas pequenas e maiores. Van tocando diferentes sons con bombos e aixadas (ou, nalgúns casos, serras e potas).
A “Folía” é unha danza rápida e confusa que data do Século XV e que nun principio semella orixinaria de Portugal, na que, ademais de bailar, os danzantes tamén levaban ó lombo a outros homes disfrazados de muller.

BOMBO: Instrumento de percusión esencial no Folión. Faise a CAIXA de resonancia cun corpo de madeira, ben desbastando un tronco dunha árbore, ou ben dobrando tiras de madeira axudándose para elo de auga quente.


AIXADA: Este trebello de uso cotián nas hortas e leiras vianesas, convértese no Entroido nun instrumento musical de son inigualable. 


 

BOTEIRO: Pódese dicir que é o personaxe máis importante, particular e singular do Entroido vianés. Conta a lenda que con eles se parodia ós antigos cobradores que ían polas casas dos veciños para cobrar a contribución. Danza sen parar, e abre paso ó Folión, amosándolle tamén ós integrantes do mesmo a ruta a seguir no desfile.
O seu aspecto de gran colorido e vistosidade, así como os brincos, berros e movemento de esquilas fan que non pase inadvertido e sexa o auténtico rei da festa do entroido.





Ademais do Boteiro vianés cabe destacar ó Boteiro de Vilarmeao, que se ben viste como o de Viana, varía na Pantalla, xa que a substitúe por un sombreiro en forma de cono adornado con guirnaldas en espiral, e tamén na Careta pois é de cartón en vez de ser de madeira; danzando sempre en círculos ó ritmo que lle marca o Folión.



A vestimenta do Boteiro vianés consta de:

 
PANTALLA: Tamén chamada Mitra, Alza, Cadro ou Carapucho, noutros lugares, está feita cun entramado de aramios co que se conseguen diferentes formas xeométricas, tendo sempre que deixar pasar o aire e non presentar resistencia ó vento, para así permitir ó Boteiro danzar libremente. Este entramado vai adornado na súa totalidade con papel de seda picado de moitas cores.
Fanse grandes para que o Boteiro gañe altura, e con ela gañe tamén xerarquía, pois xa na época greco-romana (orixe do noso Entroido), os personaxes adoitaban poñer sobre as súas cacholas pezas que lle axudaran a gañar esa altura que marcaba o seu status social, xa que o concepto de autoridade estaba moi relacionado coa estatura e a robustez.
A Pantalla únese á Máscara de madeira, e todo isto vai embutido na cabeza do Boteiro e
suxeito con correas de coiro para asegurar o amarre, podendo nalgúns casos chegar a pesar esta peza máis de dez quilos.
Na parte traseira colócanselle cintas de papel de seda para tapar a totalidade da cachola do portador da pantalla.



MÁSCARA: Faise de madeira, a cal se vai devastando ata conseguir o modelo proxectado. Píntase de cor negra, resaltando ollos e boca en branco e vermello. Adóitase colocarlle un réptil de goma no papo. Vai unida á Pantalla para facilitar os movementos do Boteiro.


ESQUILAS: Suxeitas a un cintón de coiro grande e resistente colgan as esquilas, que son usadas para advertir da chegada. 


PANTALÓNS(tamén chamados polainas): Fanse de tea de cor vermella e rematados con flocos de fío en vertical nos laterais e en horizontal nos frontes.



 

LEGUES : Dende o nocello ata o xeonllo, estas pezas de coiro negro axustan o pantalón á perna ó ser apertadas á mesma coas trábellas que levan na parte lateral. 
BOTAS: Constitúen o calzado do Boteiro, sendo de cor negra ó igual que as Legues. 



 

MONCA: Axuda ó Boteiro nos seus brincos, sendo usada tamén para abrir camiño ó desfile do Folión. Vai pintada na maioría das ocasións en franxas horizontais, combinando o branco co vermello ou o negro. Na parte alta remátase con cintas de cores e cun “pompón” de lá. 

 

CAMISA: Sobre unha camiseta de tecido forte e resistente, que se usa de base, faise a camisa do Boteiro. Moitos metros de lazo de multitude de cores, que adoptan diferentes figuras xeométricas, son engurrados nunhas Camisas de moitas cores. Mans prodixiosas e moitas horas de esforzo e traballo, están detrás de todas e cada unha das Camisas que os Boteiros locen nos desfiles.






                                     VÍDEO



                      




08/02/13

Cando un pensa que está voando

Un, ás veces, anda polas nubes ou, se cadra, máis aló. Dende encima dos Alpes todo parece branco e de algodón. Mais abaixo arrasan as silveiras e as cores negras, tamén algún carabel vermello.

  

06/02/13

Un escáncer no camiño

Camiñando por terras de Covelo, atopamos un escáncer no camiño. Asustado rebulía para todos os lados. Reflexionamos sobre o considerados que temos que ser con todos os seres da natureza, a pesar de que a nosa influencia relixiosa sitúe aos réptiles como animais desprezables.

03/02/13

Celanova un paseo por terras de poetas


Pasear por Celanova é andar polas rúas onde se xestarón moitos dos poemas do noso patrimonio literario. Autores como: CURROS. CELSO EMILIO FERREIRO. FERRÍN. E OUTROS.
Tamén o patrimonio arquitectónico é moi interesante: A parte vella da vila foi declarada Conxunto Histórico Monumental. Tamén O mosteiro de San Salvador. A capela de San Miguel. E múltiples currunchos onde perderse.  
Moi preto está a fermosa vila de Vilanova dos Infantes.