26/08/13

A Marola, Seixo Branco

Seixo Branco está dentro do espazo natural Costa de Dexo, que ocupa o tramo costeiro comprendido entre o faro de Mera e o porto de Lorbé, dende este punto podemos contemplar as entradas das rías de Ares, Betanzos e A Coruña, no denominado Golfo Ártabro.
É un espazo natural de gran riqueza biolóxica, declarado Monumento Natural no ano 2000 e recoñecido como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais e Lugar de Importancia Comunitaria. Está integrado dentro da Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos.
A perspectiva panorámica na súa proximidade permite contemplar o cabo Prior, a ría de Ares e a cidade da Coruña, coa Torre de Hércules. Tamén se divisa dende el o illote coñecido como A Marola, que inspirou o refrán mariñeiro "Quen pasou A Marola, pasou a mar toda", facendo referencia á bravura do mar nesta zona da costa.

18/08/13

Castiñeiros no Courel

Alí están,os Castiñeiros, coma hai moitos séculos, dando ese froito tan noso e saboroso, esa madeira tan especial, pelexando pola subsistencia, entre un pasado pleno e un futuro incerto. Apostemos pola súa madeira e polo seu froito. Apostemos por nos.

13/08/13

Portas no Courel

Portas vellas no Courel, polas que entraron e saíron tantas veces as ilusións, as ganas. Entrou a xeada o sol e o frío, tamén a soidade, a fame e co tempo, pouco a pouco, todo se foi esvaendo e só quedou o baleiro. Tamén quedou a paisaxe e algúns resistentes e Martiño.

06/08/13

Praia das Catedrais (Praia de Augas Santas)

Esta praia, chamada das Catedrais, está situada na costa norte de Galiza, non lonxe de Ribadeo. Carteis situados na zona condúcenos ata ela. Preto da entrada unha instalación hostaleira rompe a visión natural da zona. No verán acude moita xente a bañarse e a contemplar as formacións rochosas, orixinadas pola erosión.
A area é moi fina e de cor amarela, se a contemplamos a ultima hora do día, cando o sol está a punto de deixarnos polo horizonte. Para acceder temos que baixar por unha escaleira. A praia estendese tanto ao oeste, tramo mais corto, como ao leste, tramo mais longo. A sensación nos pés, pisando esta area tan fina e limpa, é difícil de describir. Unha vez situados ao pé destas ciclópeas formacións un ten a sensación de camiñar entre xigantes pétreos, algúns semellan contrafortes aguantando do imposible, arcadas coma arquivoltas, covas e recunchos onde perderse e se é posible atoparse. Debe visitarse con marea baixa, isto permite contemplar toda a extensión da praia. Na páxina de meteogalicia informan dos horarios das mareas.