31/01/14

Vilanova dos Infantes

Vilanova dos Infantes foi a aldea natal da nai de Curros e tamén está moi relacionada 
con X.L. Méndez Ferrín. É unha pequena vila medieval moi ben conservado arquitectónica 
e urbanisticamente, no que destaca a Torre da Homenaxe, que é o único que queda do 
Castelo fundado no século XII. Pódese  contemplar unha fermosa panorámica do conxunto urbano 
e do seu entorno xeográfico dende a plataforma superior da torre. 
Ademais da torre paga a pena realizar un paseo polo interior da vila. Tamén destacan a Igrexa 
parroquial de Vilanova dos Infantes, esta atópase situada no exterior da vila, no seu interior conserva 
unha valiosa talla artística dun Cristo Redentor románico.
O Santuario da Virxe do Cristal, tamén situado fora da vila, custodia a valiosa e curiosa (por única no mundo) imaxe da Virxe do Cristal. Trátase dunha pequena imaxe da virxe envolta polo misterio de como a súa figura foi introducida no medio dun cristal de vidro e que foi popularizada pola lenda que describe a súa aparición e que poetizou maxistralmente Curros. 


 

25/01/14

Unha cociña de antes

Parece que estamos nunha cociña de hai séculos, é verdade, co forno do pan a lareira os potes a gramalleira os alzadeiros a sella da auga os cacharros de barro mesmo a louza e os escanos, mais moitos dos elementos desta cociña aínda os recordamos moitas persoas, non tan vellas, o que non recordamos é o retrete na propia cociña, esta, dende logo, non era dun probe. Hoxe a maioría das cociñas, da parte do mundo que se fixo coa maioría dos recursos, están cheas de trebellos tecnolóxicos, moitos deles cumprindo a función de consumir por consumir.

 

21/01/14

Instrumentos para traballar a La e o Liño

O liño e a la foron as fibras tradicionais coas que se confeccionaron as telas en Galiza. Ate nos chegaron as festas que se facían nas "Fiadas". O liño foi unha planta  moi cultivada na Galiza e aínda que o seu cultivo case desapareceu, foi recuperado nos anos oitenta por iniciativa dos deseñadores galegos, especialmente por Adolfo Domínguez, pero a súa presenza segue a ser testemuñal.
A cooperativa Feiraco tamén se sumou á recuperación do liño no 2009, como complemento para a alimentación das vacas.
A la, que se saca das ovellas, é outra das fibras utilizadas na fabricación de telas.
Este conxunto de instrumentos eran os que se utilizaban para converter as fibras brutas, da la e do liño, en fíos que despois utilizaban as teceláns nos seus teares.  


13/01/14

Letras Galegas 2014

O Homenaxeado do Día das Letras Galegas 2014 é Xosé María Díaz Castro, poeta, nado no lugar do Vilariño da parroquia dos Vilares do concello de Guitiriz (Provincia de Lugo) o 19 de febreiro de 1914 e finado en Lugo o 2 de outubro de 1990, foi un poeta e tradutor galego.

07/01/14

Casa Museo Rosalía de Castro

 A Casa Museo Rosalía de Castro, tamén chamada Casa da Matanza, é a casa na que viviu Rosalía de Castro xunto co seu home Manuel Murguía e os fillos da familia desde 1883 ata a súa morte en 1885. Recolle distintas edicións das súas obras e diverso material seu, como fotografías ou recordos persoais. No segundo andar, recrea o ambiente da casa en tempos de Rosalía.
Rosalía botou os derradeiros anos da súa vida en Padrón, onde a familia alugara a casa da Matanza, que despois se convertería en casa-museo. A morte do seu fillo máis novo aos dous anos por mor dun accidente e a súa enfermidade amargáronlle os derradeiros anos. Morreu de cancro en 1885, aos corenta e oito anos. Rosalía foi soterrada no camposanto da Adina. Anos máis tarde, en 1891, os seus restos foron trasladados ó actual Panteón de Galegos Ilustres, na igrexa de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela.