Translate

27/06/14

Encaixes en Galiza

Son coñecidos os encaixes que fan as mulleres de Camariñas e arredores, pero esta actividade está moi estendida por toda a Galiza, como mostran as imaxes de palilleiras de todo o pais palillando na mostra do encaixe, que tivo lugar en Camariñas esta primavera. O despregue de habilidades, cores, formas e motivos diferentes, asi como a cantidade de mulleres que se adican a esta actividade, deixáronme moi gratamente sorprendido.

21/06/14

Encaixe de Camariñas. Mostra

 Encaixe de Camariñas. Esta vila é moi coñecida polos seus fermosos encaixes. Nas súas rúas e prazas seguen a traballar as "palilleiras".  Denomínase encaixe a un tecido decorativo de fíos finos, realizase a man entrelazando fíos sobre unha almofada seguindo un debuxo previamente realizado en cartón ou picado, utilizanse alfinetes grandes e "palillos" para soster o fío. 
Dentro dos distintos tipos de encaixe existentes, o de Camariñas considérase de tipo "guipur", denomínase así pola cantidade usada de puntos de guipur (zurcidos) nos deseños que utilizan.
A orixe do encaixe podería deberse á técnica de entrecruzados das primeiras redes e mallas que os mariñeiros comezaron a tecer para a pesca.




 .

13/06/14

Trasalba, Formigueiro


A Casa Museo de Ramón Otero Pedrayo, encóntrase no lugar de Cima de Vila, en Amoeiro, parroquia de Trasalba, ao noroeste da provincia de Ourense.
A Casa Grande de Cimadevila, nome polo que se coñece, é un dos grandes espazos simbólicos da cultura galega contemporánea. Por este lugar pasaron, moi especialmente en vida do escritor, multitude de amigos e irmáns na conciencia galeguista que ían escoitar a palabra xenerosa de don Ramón, angueiras e proxectos compartidos. Hoxe segue a ser un lugar de obrigada referencia.
Nestas dependencias custódianse parte dos obxectos persoais de Otero Pedrayo, así coma o contorno no que se desenvolveu a vida do escritor, procurando conservalo tal como era orixinariamente: estancias interiores, xardín romántico e propiedades adxuntas.
Preto de Cima de Vila atópanse lugares de moito valor histórico e paisaxístico, un deles é o pobo do Formigueiro no que se atopa unha capela que mostra aos visitantes un talle de arte castrexa, integrada na fachada. E a través de antigos camiños pódese chegar a tres zonas chamadas a Ferradura, a Zarra e o Couto do Castro, nas que podemos ver petróglifos, restos dun castelo, conxunto de muíños, etc. Paseando polo lugar encontraremos numerosas mostras de traballos realizados por antigos canteiros e gozaremos dun pobo que aínda segue mantendo a súa antiga esencia.


07/06/14

Andaina polo Parque Natural de Somiedo

O Parque Natural de Somiedo atópase na área central da Cordilleira Cantábrica. Corresponde xeograficamente co concello de Somiedo, que queda completamente incluído no parque.
Foi declarado Parque natural en 1988 e Reserva da biosfera no 2000.
Os bosques ocupan case a cuarta parte da extensión do parque. Tamén conta con amplas zonas de pastos. As matogueiras son a terceira variedade vexetativa do parque. A fisionomía glaciar deu lugar a lagos, lagoas e turbeiras, aquí  podemos atopar o apio rastreiro, entre outras especies.
Habitan moitos mamíferos no parque. O oso pardo é o de mais sona.

Habitan, tamén, arredor de cento vinte especies de aves: A mais destacada é a aguia real.
As camiñatas, polas distintas rotas, transcorren entre altos e sobrecolledores penedos, amplos vales verdes, neveiros no alto dos picos que dan ao norte, ríos e regatos de augas limpas e frescas, para moitas persoas moi frías, carreiros pedregosos a través de morenas, brañas húmidas, vacas sorprendidas, cos seus cuchiños, camiños cheos de lama, floriñas de cores moi variadas. Un ten a sensación de liberdade  camiñando por estes espazos abertos, lonxe do fume e das présas . Unha "sidrina" ao final do percorrido, permite recuperar forzas e ánimos.