Translate

13/06/14

Trasalba, Formigueiro


A Casa Museo de Ramón Otero Pedrayo, encóntrase no lugar de Cima de Vila, en Amoeiro, parroquia de Trasalba, ao noroeste da provincia de Ourense.
A Casa Grande de Cimadevila, nome polo que se coñece, é un dos grandes espazos simbólicos da cultura galega contemporánea. Por este lugar pasaron, moi especialmente en vida do escritor, multitude de amigos e irmáns na conciencia galeguista que ían escoitar a palabra xenerosa de don Ramón, angueiras e proxectos compartidos. Hoxe segue a ser un lugar de obrigada referencia.
Nestas dependencias custódianse parte dos obxectos persoais de Otero Pedrayo, así coma o contorno no que se desenvolveu a vida do escritor, procurando conservalo tal como era orixinariamente: estancias interiores, xardín romántico e propiedades adxuntas.
Preto de Cima de Vila atópanse lugares de moito valor histórico e paisaxístico, un deles é o pobo do Formigueiro no que se atopa unha capela que mostra aos visitantes un talle de arte castrexa, integrada na fachada. E a través de antigos camiños pódese chegar a tres zonas chamadas a Ferradura, a Zarra e o Couto do Castro, nas que podemos ver petróglifos, restos dun castelo, conxunto de muíños, etc. Paseando polo lugar encontraremos numerosas mostras de traballos realizados por antigos canteiros e gozaremos dun pobo que aínda segue mantendo a súa antiga esencia.


Ningún comentario:

Publicar un comentario