Translate

31/07/15

Os  Batáns e Muíños do Mosquetin, están situados no Concello de Vimianzo, no lugar de Salto, pouco despois de Baio, carreteira de Fisterra.
Ocupan dous edificios que albergan sete muíños e tres batáns, este conxunto está dotado dun sistema de canles que conducen a auga do Río Grande ate as distintas dependencias, estas forman un conxunto etnográfico de grande interese e nun estado de excelente conservación. 
Os muíños teñen a función de converter o grao en fariña, hai dous tipos, de trigo, e de millo. Os batáns utilizábanse para compactar o liño e a la.

24/07/15

Mosteiro de San Lorenzo de Carboeiro

Mosteiro de San Lorenzo de Carboeiro. Este  mosteiro está emprazado no alto dun penedo nun lugar afastado e solitario, no seo dun bosque frondoso á veira do Río Deza, para aproveitar os seus recursos tanto naturais como hidráulicos. A súa situación, no alto dun escarpado, dificultaba os asaltos e saqueos. 
Moitas veces estes lugares eran elixidos por antigos eremitas e anacoretas para retirarse na natureza. 
Antes de ser Mosteiro beneditino, existiu no lugar unha ermida dedicada a San Lorenzo, a cal pertencía a un ermitaño cuxo nome era Egica. Sobre esta, Don Gonzalo e Doña Teresa, Condes do Deza, construíron no ano 936 a abadía, co fin de reunir aos monxes e eremitas da comarca.

17/07/15

Velas e exvotos no Corpiño

O devir  anual da vida do pobo ben marcado por unha serie de acontecementos sociais civís e relixiosos, feiras, festas e entre outras, as romarías onde se desenvolve unha rica cultura espiritual que se expresa nunha artesanía variada, como á da cera e a das migas de pan e outras.
Nos santuarios, coma neste do Corpiño, entréganse velas e exvotos de cera virxe de abella, de parafina, de estearina, de sebo e con mecha de algodón. As velas poden ser de varias formas  lisas, rizadas, labradas, coloreadas, pintadas, as mais frecuentes están sostidas nunha especie de contedor de plástico.
Os exvotos, figuras de cera, son reproducións completas ou parciais da parte do corpo que sofre a doenza: cabeza, brazo, tronco...ou reproducións de animais enfermos: cabalos, vacas, porcos, ovellas…
Os exvotos, como afirman moitos autores, son portadores dunha simboloxía máxico-relixiosa coa reminiscencia primitiva de ofrecer sacrificios e sufraxios ás divindades como agradecemento, expiación ou promesa. Tales prácticas foron cristianizadas máis tarde.

A virxe do Corpiño din que é avogosa, sobre todo, para quitar o meigallo, nome que se lle dá certos comportamentos psicolóxicos anormais.
  

Dentro do ciclo anual da vida, a devoción popular manifestada nas festas e romarías desenvolve unha rica cultura espiritual, sustentada nunha artesanía variada, como a de cera e a de migas de pan.

14/07/15

Dolmen de Maus de Salas

Dolmens de Maus de Salas. Estas construcións megalíticas podémolas situar cronoloxicamente entre os anos 3500 a 2000 aC. Son monumentos funerarios formados por pedras fincadas no chan e cubertas por laxas de gran tamaño. Constan dunha cámara onde se colocaba ao defunto co enxoval funerario, consistente polo xeral en machadas, puntas de frecha, cerámica, etc. Finalmente, cubríase a modo de túmulo.
Están situados no Val do Salas, unha paisaxe prehistórica onde hai 5000 anos  estableceronse as primeiras persoas que se adicaron a agricultura ea gandería. Estas comunidades da sociedade neolítica ergueron estes monumentos funerarios, deixando testemuña dun incipiente culto relixioso.
Están situados á veira da presa do Salas, a “Casiña da Moura”, o que está situado á entrada da pista que descorre por encima da parede do encoro, foi trasladado do seu emprazamento orixinal cando se construíu a presa a finais da década dos 60 do século XX. Ó outro lado do muro de formigón sitúase o outro dolmen chamado “Casola do Foxo”, este conxunto está rodeado dunha fermosísima paisaxe de auga e picos montañosos. Moi preto atópase a poboación de Maus de Salas, onde poderemos beber auga fresca e contemplar unha mostra da Arte Popular, un cruceiro de pedra. Tamén conta cunhas modernas instalacións hostaleiras.
  

04/07/15

Montalegre, Tourém, A Raia

Montalegre. Está situado preto da Raia, zona de fronteira entre Galiza e o norte de Portugal, a visita a estas terras permite gozar destas paisaxes de montaña e da súa gastronomía, de especial calidade son as súas carnes como a de boi barroso.
Nesta vila atópase o Castelo de Montalegre, situado nun alto domina a vila e as terras fronteirizas. Ordenou construílo Dom Dinís para o control e defensa desta comarca, en tempos en que as fronteiras estaban en continuo cambio. O castelo de Montalegre conserva a torre de homenaxe de época de Dom Afonso IV é de estilo gótico, tamén unha muralla na que destacan tres torres de distintos tamaños chamadas: do Relogio, Pequena e do Sul. A torre de homenaxe esta habilitada para visitas e desde o alto contémplase unha boa vista da zona.
O románico está dignamente representado pola igrexa de San Vicente.

 Tourém é unha aldea do concello de Montalegre, é a única poboación portuguesa situada ao Norte da Serra do Gerês ás beiras do embalse do rio Salas. Esténdese nunha lingua de terra que se introduce na provincia de Ourense, sendo unha sorte de península rodeada polos pobos galegos de Requiás, Guntimil e Calvos de Randín e o territorio coñecido como Couto Mixto. Tourém é un dos extremos do "camiño privilexiado", camiño exento de fiscalización que comunicaba esta vila co Couto Mixto.
Tourém é unha aldea agrícola e gandeira, a súa economía complementouse, durante xeracións, coa práctica do contrabando.
A vila é de orixe medieval, xa documentada no século XII, que xunto ao desaparecido Castelo dá Piconha ocupaban esta zona de fronteira.