25/06/16

Cómpre que nazan flores cada día





Compre que nazan flores cada día, como din Mini e Mero, e en cada curruncho do pais, aínda que non estea de moda, pero xa sabemos que as modas son pasaxeiras e o país seguira o seu camiño. Para que nazan estas flores precisamos saber onde estamos, querernos moito e traballar arreo.

Tamén precisamos soñar cun tempo e un país, desafiar a quen nega o noso futuro, a quen espolia o dereito a vivirmos na nosa Terra do noso traballo. 

Temos  que ter fachenda e rebeldía diante da falta de estima polo propio e da ausencia de confianza nas propias forzas. 

Porque Galiza pode. E hai que estar cegos ou ser renegados para non ver que no que somos está a chave do noso futuro.




10/06/16

Música folk galega os Tis Che Tein




Hoxe vai de música folk galega. Era unha tarde chuviosa de primavera en Compostela na que se celebraron os 100 anos da creación das irmandades da fala, acontecemento moi importante na nosa historia.

Entre outras moitas actividades que tiveron lugar ese día atopámonos, nun soportal da praza de Cervantes, e con treboadas de fondo, cun concerto do grupo  Tis Che Tein, do cal desfrutamos moito e que nos soubo a pouco.

 Os "Tis Che Tein" fan música folk atlántica, dende o país. O repertorio está composto por adaptacións de pezas celtas, de países nórdicos, pero sobre todo pezas tradicionais galegas.


O nome do grupo tivo a orixe nun tropezo lingüístico de Núñez Feijoo, presidente da Xunta, cando chama a recoller a Medalla Castelao 2013 á banda irlandesa The Chieftains aos que nomeou como: «Os Tischetein». 
 


Val do Cambas, Aranga


Na Parroquia de Cambas, Aranga, sitúanse os regos de Cambás e a Palanca, forman a cabeceira do río Mandeo, discorren polo seo da Fraga das Barbudas, un bosque autóctono de grande beleza e interese paisaxístico, no que, tamén, se sitúan as antigas instalacións dunha central hidroeléctrica e varios muíños e fervenzas.

No Rego de Cambás atópanse unha serie de  fervenzas de grande atractivo.

No Rego da Palanca, sitúanse outro conxunto de cachoeiras, a máis grande salva un desnivel duns 30 m. A caída principal ten 20 m de altura e forma un pozo circular moi fondo chamado Pozo do Castro Rodicio.

Nas beiras dos regos consérvanse os bosques de ribeira con: amieiros, salgueiros, freixos, bidueiros, abeleiras, sabugueiros, sanguiños, carballos, fentos, espadanas, xuncos, e todo un conxunto de flora moi variada.

É, tamén, moi variada a fauna que ocupa este bosque de ribeira, nela viven: paxaros (ferreiriños, lavandeiras, merlos…), picapeixes, anfibios (ras, pintafontes, saramaganta, sapos), réptiles (cobra Sapeira, lagartos), moluscos (lesmas, caracois) e numerosos insectos.
No río habitan troitas e gran variedade de invertebrados.

Se queres ver as fotos pincha

06/06/16

Río Almofrei



O Almofrei é un río situado na provincia de Pontevedra. É afluente, do río Lérez.  A súa lonxitude é de uns 26 km.

O nome deste río relacionase co lugar e parroquia de Almofrei, concello de Cotobade, por onde transcorre, O nome desta parroquia, e polo tanto do río, é de orixe xermánica. 

Outros autores falan dunha orixe árabe da palabra, que conservaría en galego o significado de funda na que se leva a cama de viaxe.

Despois do seu nacemento atravesa as freguesías de Cotobade: Corredoira, Loureiro, Carballedo, Rebordelo, Borela e Almofrei, que é a que lle da o seu  nome. Desemboca na parroquia de Bora, concello de Pontevedra, no río Lerez.

Moi cerca da desembocadura pasa por debaixo da Ponte dos Franceses (medieval), esta ponte estaba situada nun vello camiño que unía Pontevedra con Terras de Montes e O Carballiño, en total estado de abandono. 

Xunto á ponte existe o resto dunha vía empedrada, á veira desta sitúase un peto de ánimas moi traballado e os restos dun cruceiro.


O máis destacado do seu percorrido son unha serie de fervenzas, con bastante desnivel, moi espectaculares, que se alternan con outras de caídas máis suaves. 

Tamén hai tramos de augas mansas onde se pousan as cores verdes da vexetación e as mil formas da auga transparente.

Nun tramo ancho e de pouco fondo están situados uns pasos ou poldras, que posibilitan pasalo río, cando o nivel da auga o permite. Hoxe faltan algúns   pasos e hai que mollarse para chegar a outra banda do río. 

Se queres ver as fotos pincha aquí