27/08/16

Santa Margarida de Montemaior, A Laracha



Santa Margarida de Montemaior, A Laracha, é un santuario con capela
(séculos XIX-XX) situado no lugar do mesmo nome, concello da Laracha. Está situado a carón dunha fermosa carballeira.

Moi cerca  do santuario, como ocorre en case todos os santuarios de Galiza, atópase a fonte de Santa Margarita. A nosa é a terra da auga, son moitas e abondosas as fontes, regatos, lagoas e ríos. No imaxinario popular persiste a crenza de que a auga é o elemento fundamental máis forte que o lume, a pedra e o ar, é un elemento que garda e outorga a vida. En fontes, lagoas e ríos agáchanse personaxes mitolóxicos populares como xanas, encantos e meigas. 

As lendas, cantigas e romances, amosan a carga simbólica das fontes, con referencias a vellos cultos hídricos e ás súas propiedades beneficiosas e profilácticas, moitas veces curadoras e mesmo fecundantes.

As augas de Santa Margarida, patroa da fecundidade e protectora das mulleres en parto, curan as enfermidades da pel, as doenzas da gorxa e a esterilidade;

As persoas devotas utilizan os panos, mollados na auga da fonte, para lavar a parte afectada do corpo e penduralos das árbores ou das silveiras, preto da fonte.

A estas fontes acudía, dende moi antigo, a poboación rural na procura da saúde perdida, e foron cristianizadas, como lle pasou a moitos lugares, baixo o padroado de santos e virxes.

A importancia destas fontes quedou reflectida nas cantigas populares como as seguintes:

 
"Santa Margarida ten

unha fonte con dous caños,

onde se van a curar

tódolos males estraños".


Ou esta outra:

"Miña santa Margarida,

miña Margarida santa;

a auga da túa fonte

curoume a miña garganta". 




Se queres ver as fotos pincha aquí

22/08/16

Illa de Cortegada





A Illa de Cortegada situase na ría de Arousa preto da desembocadura do río Ulla , fronte a Carril, concello de Vilagarcía de Arousa. forma parte do arquipélago de Cortegada, xunto con Malveiras, Briñas, e outros illotes. Este arquipélago esta incluído no Parque Nacional das Illas Atlánticas.

O acceso é mediante empresas que realizan o transporte de persoas ao mesmo tempo que ofrecen un servizo de guía, prezo de 15 Euros, moi ameno e interesante, galego ou castelán, no caso de "Corticata". O número máximo de persoas por día é de 125.
 

Ten unha extensión de 5 hectáreas. Conta con unha serie de praias na súa contorna, dous outeiros de pouca altura, abundante flora, o máis destacado é o bosque de loureiros, o maior da Península Ibérica, piñeiros, carballos, pereiras bravas e outras moitas especies. O entorno da illa é de grade produción de marisco.
 

Foi un lugar de referencia para as peregrinacións a Compostela que viñan en barco. Existiron construcións defensivas para protexerse das invasións normandas e musulmáns. Cerca do peirao están os restos da aldea que foi habitada polos veciños da illa. Conta cos restos da ermida da Virxe dos Miragres, que data de 1334, reconstruída en 1652 a carón do peirao tamén hai un cruceiro fronte á ermida. 

A illa foi
regalada ao rei Afonso XIII de España en 1910, despois de expropiala  aos veciños, o rei veu visitala nunha ocasión. Coa República a illa foi expropiada polo estado e pasou a ser pública. En 1953, en tempos de Franco, foi devolta á casa real, que a vendeu a unha inmobiliaria para construír unha urbanización de luxo e un campo de golf. A veciñanza de Carril e a sociedade Galega lograron paralizar o proxecto, e  foi incluída no Parque Nacional das Illas Atlánticas para a preservar os seus valores naturais.

A Xunta de Galicia tivo que pagar 1,8 millóns de euros, para que a illa volvese a ser de dominio público.






Se queres ver as fotos pincha aquí

12/08/16

Romaría Viquinga de Catoira




A Romaría Viquinga de Catoira esta ligada á importancia estratéxica do complexo militar das Torres
do Oeste, que serviron de escudo defensivo á zona da Ulla, desde o comezo da Idade Media ata, fronte a normandos e árabes.   

Esta festa celebrouse por primeira vez en 1960, cando o Ateneo do Ullán,  decidiu conmemorar o desembarco do rei vikingo Ulfo. 

En 1965 a organización do festexo pasou a mans dos traballadores dunha empresa de cerámica situada en Catoira.

En 1988 foi declarada de "Interese Turístico Nacional". Desde entón é o propio Concello de Catoira quen organiza os festexos, tempo no que se produciu o irmandamento coa localidade danesa de Frederikssund.

No ano 2002 a festa foi declarada de "Interese Turístico Internacional". 


Celebrase o primeiro domingo de agosto, na localidade de Catoira, ría de Arousa (Pontevedra). é unha das festas máis importantes de Galicia.
 

Os viquingos vidos do Norte realizaban o saqueo e o pillaxe en terras ricas, isto levounos, século IX e seguintes, á conquista de Jakolsland, a terra de Jacob, onde había moitas riquezas en igrexas e mosteiros, era o caso de Santiago de Compostela. As Torres do Oeste de Catoira, xogaron un papel decisivo para conter o avance destes normandos e tamén dos árabes. Esta festa rememora aquelas batallas.




Se queres ver as fotos pincha aquí

05/08/16

Mosteiro de San Pedro de Soandres



O mosteiro de Soandres, como se coñece pola zona, está situado no lugar de Priorado, nome non casual, na parroquia de Soandres, concello da Laracha.

As orixes remóntanse ao século X, aínda que a actual construción data do S. XIV. Combina o estilo gótico da cabeceira eo barroco nas naves, Algúns elementos pertencen ao  templo primitivo románico, canzorros ou lintel. A cabeceira e de estilo gótico, é a parte de máis interese da igrexa. 

A decoración interior é moi sinxela. No altar da dereita sitúase unha figura de pedra policromada, de aspecto moi rústico, é a imaxe de Santa Marta (de finais do S.XVIII), que procede da Ermida de Santa Marta de Soandres, hoxe desaparecida.
 
Apegada a igrexa, no muro sur, está a Casa Reitoral, antigo mosteiro.

Da Fonte Santa, situada á entrada do conxunto monacal, saen "augas milagreiras", segundo as crenzas populares.

Durante o século XIX, os campesiños fanse coa propiedade das terras e o mosteiro perde a fonte das súas riquezas.

Actualmente se atopa en moi bo estado de conservación.