30/06/17

Santa María de Nogueira



Santa María de Nogueira: Esta igrexa foi construída na segunda metade do século XII. A fachada principal foi reformada en estilo barroco, no primeiro terzo do século XVIII.

Mostra características do estilo románico, o rosetón do románico tardío, a porta sur enmarcada por un arco de medio punto ornamentado. A ábsida cadrada ten un arco triunfal de medio punto decorado con baquetón e axadrezado. As columnas inclinadas conteñen motivos vexetais nos seus capiteis. Tamén existe unha xanela no testeiro, de orixe románico.

As pinturas murais do seu interior datan de mediados do século XVI, realizadas ao fresco sobre un morteiro de cal e area. Atribúense ao chamado Mestre de Nogueira, de identidade descoñecida.

As características principais do estilo do Mestre de Nogueira son mural de gran formato con influencia italiana, enmarcado por franxas ornamentais de gran riqueza formal, con grande decoración vexetal propios do gusto do seu tempo.

No muro norte da igrexa represéntanse o Xuízo Final, esta configuración da Gloria pódese atopar tamén, moi similar, nas pinturas da bóveda de San Pedro de Ribas Altas (Monforte), obra atribuída ao mesmo autor.

Destaca a situación xeográfica do templo, desde o seu adro podemos observar unhas estupendas vistas do val do Miño, onde podemos observar a súa morfoloxía adaptada ao cultivo da vide da que se elabora o viño da denominación, Ribeira Sacra.

Se queres ver as fotos pincha aquí. 


Se queres ver o vídeo pincha aquí. 


19/06/17

Andaina ríos Lañas e Beseño, Fervenza das Pombas, Touro


Esta andaina discorreu pola beira do río Lañas e un pequeno tramo á beira do regato de Beseño. o percorrido é sombrizo, adecuado para facer no verán,  case na súa totalidade, á vexetación e a propia das nosas ribeiras, destacan as sobreiras, aínda con produción de cortiza, tamén ameneiros, castiñeiros de boa factura, carballos e até algunha froiteira espallada polo percorrido (figueiras, pexegueiros…). Nas zonas altas, mais aínda arredados do percorrido, tamén piñeiros e, como non, eucaliptos arrasando co territorio.

Pódense ver varios muíños, algúns deles  con tellado de uralita, que agardamos sexa removida, destaca a conservación do Muíño da Carballa, no curso alto do río Lañas. O Salto das Pombas unha desas fermosas fervenzas, férvedas, pincheiras…, que temos no País dos Mil Ríos, está situada no lugar coñecido como Montes de Fao, unha aldea próxima, presenta unha caída de dez metros de altura.

Destacar, tamén, a presenza de unha rica fauna, das que destacan os revoos das bolboretas e o canto dos paxaros.

Para ver as fotos pincha aquí. 


Para ver o vídeo pincha aquí.

14/06/17

Fornos da Pontenova


Fornos da Pontenova. A Pontenova pertence a comarca das terras de Miranda, nestas terras fundase,
no século XVIII a fábrica de Sargadelos, no Concello de Cervo, lugar do cal saíron os ladrillos que serviron para construír os fornos das minas de Vilaoudriz.

As minas de Vilaoudriz xorden cando unha Sociedade Vasca, adquire un conxunto de minas de ferro fosfórico situadas no Concello de Vilaoudriz, na actualidade A Pontenova.

O mineral de ferro fosfórico comezou a cotizarse en Europa, dado que se aproveitaba o ferro e o fósforo. O proceso de desfosforación do mineral de ferro facíase en fornos de calcinación,  estes teñen forma lixeiramente troncocónica, con 4 metros de diámetro superior e 11 metros de altura. Para a extracción do mineral, estes fornos dispoñen de 4 portas e un cono de fundición na súa parte baixa.

Para transportar o mineral constrúese un ferrocarril de vía estreita, cun metro de ancho de vía, que enlaza as minas co porto de Ribadeo, distante 34 quilómetros.

O tren circulaba xa no mes de abril de 1903 con mineral, e no mes de agosto de 1905 inaugúrase oficialmente o servizo público de viaxeiros, converténdose nun medio de transporte mixto de carga e pasaxe.


Se queres ver as fotos pincha aquí.

Se queres ver o vídeo pincha aquí

09/06/17

Vía verde do Eo



Vía verde do Eo. Esta vía discorre xunto ás augas do río Eo, no límite entre Galicia e Asturias. Vertebra esta comarca natural, Reserva da Biosfera, os valores que aporta son paisaxísticos, antropolóxicos, etnográficos, etc, como resultado da acción da natureza e tamén persoas.

O río Eo nace en Lugo, Galicia, para ir discorrendo nalgúns tramos por Galicia, outros por Asturias e outros xusto entre ambas comunidades, servindo de fronteira xeográfica. Desemboca no mar Cantábrico formando ría de Ribadeo.

A Vía verde do Eo, tamén chamada "Ruta do ferrocarril", aproveita o antigo trazado dun tren mineiro que operou entre 1903 e 1964, servía para transportar o mineral extraído dos xacementos de Vilaodriz (Lugo) e tratado
nos fornos da Pontenova, onde se cargaba con destino ao porto de Ribadeo (Lugo), aquí era  embarcado. Tamén prestou servizo de viaxeiros, foi a primeira  infraestrutura de comunicación da comarca.

Ao longo dos 12 km de percorrido, a metade deles por territorio galego e a outra metade por terras asturianas, atopámonos con túneles do ferrocarril, o río Eo, unha ponte colgante, a presa dunha central eléctrica en desuso, unha escala de salmóns que permite a estes peixes superar o obstáculo que representa a presa, no seu camiño cara á parte alta do río a onde van desovar.




Para ver as fotos pincha aquí.


Para ver o vídeo pincha aquí.




02/06/17

Maquinas hidráulicas, Os Teixoes


O aproveitamento da enerxía potencial da auga é moi antigo, Os Teixoes é un moi bo exemplo deste aproveitamento, son cinco máquinas que realizan distintas operacións con este tipo de enerxía.
 

Mazo: O nome de mazo recíbeo tanto a máquina que se utiliza para bater o ferro como o pequeno edificio onde se atopa. O mazo está composto por unha longa torada de madeira que bascula entorno a un eixe, un extremo está unido a unas aspas que move a auga e que o fan bascular, no outro extremo atópase unha peza de metal pesada que golpea, cando baixa, o ferro quente que sae da fragua, o soprado desta tamén se fai pola enerxía da auga, efecto venturi, desta maneira afórraselle moito traballo aos ferreiros. 
 

Co mazo estirábase o ferro para facer ferramentas necesarias nos traballos do campo e outros utensilios de uso común nas casas, como coitelos, tixolas, rellas, etc.

Muíño: É unha construción rectangular. Consta de dous espazos, o inferno, na parte de abaixo ou nivel hidráulico, e a sala da moenda no piso de arriba. A súa función é a de transformar o grao en fariña, para utilizar nos distintos usos culinarios e alimentar o gando.
 

Moa ou Roda de afiar:Esta máquina que serve para afiar toda clase de ferramentas domésticas ou de traballo. 

Batán: Tamén chamado pisa ou pisón. É unha máquina de madeira que servía para golpear as teas, e facelas máis suaves, coa forza duns mazos ou porros movidos pola forza da auga. Os batáns empezaron a utilizarse na península desde o século XII. 

Dínamo: Máquina que transforma a enerxía da auga en corrente eléctrica, esta forma de enerxía aproveitábase para o alumeado, hoxe utilizase para outras moitas funcións. 

Para ver as fotos pincha aquí

Para ver o vídeo pincha aquí