Translate

28/07/17

FARO DE CABO VILÁN, CIMETERIO DOS INGLESES





En (1890) naufragou o acoirazado inglés HMS Serpent en punta do Boi, esto acelerou a construción do actual faro do cabo Vilán, de primeira orde -como o de Fisterra ou o das illas Sisargas-, acadando a súa luz as 60 millas (97 km). 

Este naufraxio contribuíu a que fose o primeiro faro electrificado de España (1896). 
Anteriormente xa se construíra o "Faro vello", próximo ao actual, de pouco alcance e mal situado.

Este é un dos faros máis característicos da Costa da Morte. O enclave natural no que se asenta é espectacular. De feito o cabo Vilán foi declarado Sitio Natural de Interese Nacional en 1933.

É unha mágoa que hoxe estea rodeado por un conxunto de instalacións que rompen a armonía do espazo, unha macro piscifactoría  e un conxunto de aeroxeradores de enerxía eléctrica.

A lanterna está situada nun entorno salvaxe no bico dun outeiro de difícil acceso e moi batido polo vento o que obrigou a construír un pasadizo cuberto que une o faro co edificio base, separado da lanterna e situado a unha altura moito menor, este pasadizo ten 250 escaleiras.

O edificio base, antiga vivenda das/os fereiras e taller de reparación e mantemento do faro, contén un espazo para museo, ben acondicionado.

Dende este lugar pódese ver unha espectacular posta de sol. 

Cerca do faro, cara o leste, atópase o "Cemiterio dos Ingleses" lugar no que foron enterrados os tripulantes do "Serpent", fronte ao lugar onde se produciu o sinistro. Os oficiais foron enterrados no centro do cementerio e os mariñeiros na periferia.

Desde este punto pode verse o monte Branco, a maior duna rampante de Galicia, e na súa base a maior reserva de camariñas, un arbusto protexido, que dá nome á terra de Camariñas.
Se queres ver as fotos pincha aquí

Se queres ver o vídeo pincha aquí 

Ningún comentario:

Publicar un comentario